Saturday 18 de May de 2024

A Xunta de Galicia abre un proceso de consulta a operadores para realizar un estudo da situación da banda larga ultrarrápida en Galicia


A Xunta realizará unha análise da oferta e demanda de servizos Internet de cara a plena converxencia con Europa no horizonte 2020

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega) vén de abrir un proceso de consulta aos operadores de telecomunicación de servizos de banda larga ultrarrápida (30Mbps e 100Mbps), con presenza na Comunidade. O obxectivo é coñecer a situación da oferta e a demanda, residencial, empresarial e do sector público deste tipo de redes e actualizar o estudo da banda larga en Galicia, incorporando os resultados acadados polo Plan de Banda Larga da Xunta.

Este é o paso previo imprescindible para poder adoptar as medidas necesarias para que Galicia avance no obxectivo marcado pola Axenda Dixital de Europa no horizonte 2020: que todos os europeos teñan acceso a unhas velocidades de Internet por enriba dos 30 Mbps, e que polo menos a metade dos fogares europeos teñen contratadas conexións a Internet superiores a 100 Mbps.

Nos últimos catro anos o Plan de Banda Larga da Xunta conseguiu que a porcentaxe de galegos con acceso á Rede pasara do 71% a máis do 97% e que a metade da poboación teña acceso a redes de fibra óptica (NGAs) con velocidades de ata 100 Mbps.

Como unha actuación imprescindible para a definición deste Plan, en 2009 levouse a cabo un estudo exhaustivo en todo o territorio galego de todas as infraestruturas de telecomunicación existentes, da situación da cobertura dos servizos de banda larga, así como da demanda non satisfeita dende unha tripla óptica, o sector residencial, os servizos públicos e o sector empresarial.

Agora na recta final do Plan, a Xunta aborda a actualización deste estudo de oferta e demanda de servizos de banda larga, incorporando os resultados acadados nestes catro anos, para realizar unha análise da situación actual conforme aos obxectivos marcados na Axenda Dixital de Europa.

Proceso de consulta
A consulta está dirixida a todos os titulares de infraestruturas para a provisión de servizos de banda larga ultrarrápida con presenza no territorio galego.

Os ámbitos comprendidos na consulta son a dispoñibilidade de tecnoloxías capaces de prestar servizos de alta e moi alta velocidade (30 e 100 Mbps respectivamente) nos núcleos de poboación, parques empresariais e polígonos industriais de Galicia e a existencia de puntos de presenza axeitados para a conexión de redes de acceso de nova xeración.

A documentación da consulta estará publicada dende hoxe na sección de telecomunicacións da web da Amtega (http://amtega.xunta.es/temas/telecomunicacions/)

As respostas a esta consulta poderanse remitir á dirección de correo electrónico oficina.bandalarga@xunta.es ata o día 20 de decembro de 2014.

Infraestruturas de telecomunicación, columna vertebral da Axenda Dixital
A Xunta de Galicia é consciente de que as infraestruturas telecomunicacións son a columna vertebral da sociedade dixital, constituíndo as redes de banda larga a base imprescindible sobre a que estamos a desenvolver toda a estratexia tecnolóxica da Administración autonómica. Son as que nos permiten avanzar cara a administración electrónica, e integrar as TIC na educación, na sanidade, na xustiza, nos servizos esenciais para o cidadán. E, ademais, son chave para o crecemento económico e irrenunciables no contexto actual que nos esixe inmediatez e comunicación instantánea en calquera momento e lugar.

De aí que o paso previo ao desenvolvemento da Axenda Dixital 2014.gal fóra a posta en marcha do Plan de Banda Larga da Xunta, que posibilitou que todos os galegos dispoñan de acceso a banda larga de calidade e achegou as redes máis avanzadas, redes de 100Mbps, aos centros estratéxicos da Administración con maior demanda.